A cooperativa láctea Grille e enerxética E.nova Enerxía constitúen unha pioneira comunidade de enerxía renovable dentro do sistema agrogandeiro galego

A sociedade cooperativa Grille, fundada en 1963 por nove familias gandeiras de Mazaricos e cunha produción superior aos 30.000 litros de leite ao día, constituíu unha innovadora comunidade enerxética de fontes renovables en Galicia Grille convértese deste xeito, e grazas ao asesoramento e a planta fotovoltaica instalada nas súas cubertas por E.nova Enerxía, nunha cooperativa pioneira dentro do sistema agrogandeiro galego ao conformar unha comunidade deste natureza, que ten como obxectivo acadar o dereito de producir, consumir, almacenar e vender a súa propia enerxía renovable, así como compartir a súa produción no seo da comunidade.

As comunidades enerxéticas son entidades xurídicas baseadas na participación aberta e voluntaria que, entre outras vantaxes, permiten acadar unha determinada independencia enerxética, a cogobernanza sobre os recursos enerxéticos, o aforro nas facturas individuais e unha maior resistencia fronte as convulsións que poden afectarlle ao mercado enerxético, tal e como se está a experimentar nos últimos meses por mor do encarecemento do gas, da invasión da Ucraína ou das tensións no pool enerxético. Estas innovadoras comunidades, ademais, procuran o fomento da sustentabilidade, a redución das emisións e a eficiencia enerxética, obxectivos esenciais no proceso de descarbonización que se recollen na lexislación que as regula: a Directiva da UE 2019/944 sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade ou o Real Decreto-Lei 23/2020 do 23 de xuño polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

 Autoconsumo e aforros do 20%

Grille conta na actualidade cunha planta fotovoltaica de 38 kWp, instalada no mes de novembro, e que medrará nunha próxima fase de ampliación até os 80kWp. Coa cifra de produción inicial, Grille SCG cobre un 35% do consumo actual cunha fonte renovable e sen emisións. A enerxía solar que se produce nas cubertas da cooperativa está a implicar aforros do 20% nas facturas nestas primeira fase da comunidade enerxética.

“En Grille, que é unha cooperativa na que traballamos doce persoas, na que contamos con máis de 600 cabezas de gando e realizamos catro ordeños por xornada,  precisamos uns 10.000 KW ao día”, explica Pablo Suárez, de Grille SCG, que engade que a redución nas facturas “supera, polo momento, os máis de mil euros” nun contexto de encarecemento da luz. O principal gasto enerxético derívase do arrefriamento do leite nun depósito de 30.000 litros, moi por riba do consumo que implican os sistemas de ventilación, de rego ou da propia sala mecanizada de ordeño. “A experiencia que estamos a ter en Grille indícanos que estas instalacións son o futuro para o sector” sentenza Suárez.

Os paneis da fotovoltaica en Grille administran enerxía a través do sistema de autoconsumo remoto a Ganxabar SCG, cooperativas de gandeiros das comarcas do Xallas e Barcala, que inclúe entidades asociadas dos concellos de Mazaricos, A Baña, Negreira e Santa Comba. A enerxía producida dende Grille achega actualmente unha cobertura próxima ao 40% do consumo e proporciona un aforro de preto do 30%

Sen investimento inicial

Grille SCG conta co asesoramento, o servizo e as instalacións de E.nova Enerxía, enerxética con capital galego especializada nas enerxías renovables como a fotovoltaica, nas fórmulas de autoconsumo e no impulso de comunidades enerxéticas.

A cooperativa acóllese ao modelo PPA (Power Purchase Agreemen), un acordo de compravenda de enerxía a longo prazo polo cal o cliente non realiza o investimento inicial e paga pola enerxía consumida dende a planta, pero a un prezo máis baixo que o de comercialización da electricidade. Deste xeito, Grille aforra dende o primeiro momento e ten a opción de facerse coa propiedade de planta fotovoltaica no momento en que venza o prazo da PPA.