Desde finais do verán pasado, as noticias sobre as subidas no prezo da luz fóronse multiplicando ata chegar a ser unha das máximas preocupacións da cidadanía coa chegada do inverno primeiro e o estalido da guerra en Ucraína despois. Pero nas últimas semanas, tamén a prensa recolle as caídas no prezo por mor da maior produción das enerxías renovables e tenta explicar en que consiste a chamada “excepción ibérica”. No seguinte artigo, explicaranse algunhas claves para entender as fluctuaciones nas facturas da electricidade e o decisivo que resultan nas baixadas as renovables.
Que é o mix enerxético?
O mix enerxético (tamén chamado matriz ou mestura enerxética) é o conxunto de fontes enerxéticas coas que conta un determinado país. É a maneira en que se estrutura a súa produción eléctrica total, que se pode fragmentar en tres grandes áreas atendendo á súa orixe: renovables (eólica, solar, hidroeléctrica etc.), fósiles (gas, petróleo, carbón) e nuclear. O mix dun país vai determinar, en gran medida, cuestións fundamentais como son as importacións/exportacións enerxéticas, a dependencia do exterior, a resistencia fronte as convulsións internacionais, as dificultades ás que se enfronta no proceso de descarbonización etc.
E o pool eléctrico?
O pool eléctrico é o mercado maiorista no que produtores e comercializadoras, xunto a outros axentes autorizados, negocian a compravenda de electricidade. É neste ámbito onde se acaba por determinar o prezo diario da luz por horas. Para marcalo, aténdese a oferta e a demanda e emprégase EUPHEMIA, que é o nome que recibe o algoritmo que lle indica o camiño ao Operador do Mercado Ibérico de Enerxía -a entidade reguladora do pool en España e Portugal para chegar á chamada casación do prezo.
Simplificando moito, o procedemento (que en certo xeito se podería comparar cunha poxa pública con variables de corrección) redúcese a atopar o punto de corte na gráfica entre a oferta de venda de enerxía e a demanda de adquisición. Este cálculo, chamado marxinalista, conta cun factor de corrección fundamental que procura homoxeneizar o prezo, xa que os custos varían segundo a fonte enerxética. No pool unifícanse as cifras tomando como referencia válida o prezo máis elevado. Esa é a corrección.
Esta é a circunstancia pola cal, en moitos ámbitos, o funcionamento do pool estase a comparar cunha carnicería na que se compras mortadela, peituga de pito e xamón de Xabugo, cóbranche todo ao prezo do famoso (e ben caro) embutido onubense.
E o gas cómo inflúe no pool?
E aquí chegamos a unha cuestión chave non só para entender o caso do estado español, senón o de toda Europa. A Unión Europea creou un mesmo mercado eléctrico no que se estableceu a norma de pagar o conxunto da electricidade polo prezo da fonte máis cara. Ademais, produciuse un axuste entre o prezo do gas e o da electricidade na medida en que as centrais de ciclo combinado –que queiman gas para producir electricidade– convertéronse nunha especie de base para garantir o sostemento do sistema eléctrico. É dicir, os países nos que a produción non cobre as necesidades da demanda con outras fontes, recorren ás centrais de ciclo combinado –ao gas– como fonte supletoria de subministración. Foi a maneira que atopou a UE de marcar un elemento estable para tentar garantir durante anos prezos reducidos, garantir un funcionamento homoxéneo do mercado e completar as necesidades enerxéticas de cada país.
Con todo, a situación mudou por completo por varios factores: o proceso de descarbonización, o desmantelamento das centrais nucleares, o encarecemento dos recursos fósiles, unha maior competencia internacional e, xa nos últimos tempos, a guerra en Ucraína. Estes elementos fan que aumente o prezo do gas e por extensión o prezo da luz de cada país europeo.
Por poñer un exemplo paradigmático e moi clarificador: Calcúlase que en Francia o 70% da enerxía é de orixe nuclear, que conta cuns custos moito máis baixos ao non implicar importacións nin taxas por emisións á atmosfera. Pero esa produción nuclear non chega para garantir o consumo nacional en gran parte do inverno, polo que se complementa coa subministración de gas, que ten un prezo máis elevado. Este último prezo é o que vai determinar o custo de toda a enerxía do mix, independentemente da súa orixe.
E as renovables como inflúen no prezo?
O prezo no pool das enerxías renovables, do mesmo xeito que a nuclear e por motivos moi semellantes, é sensiblemente inferior á que depende do gas. Se un país consegue que con enerxías renovables se dea resposta ao conxunto da demanda, o gas e o seu prezo saen da ecuación. E iso é o que está a ocorrer nas últimas semanas por tres factores:
- Coa chegada da primavera e o incremento das temperaturas reduciuse a demanda na medida en que o gasto en calefacción é menor.
- O incremento de horas de luz reduce tamén o consumo e garante un importante rendemento da produción solar, sobre todo en horas centrais do día. O gas, por tanto, queda fóra do pool.
- Crecemento xeneralizado en España da eólica e da solar que, xunto á tradicional hidroeléctrica, conforman a tríada de principais enerxías renovables.
Que é a excepción ibérica?
Co obxectivo de mitigar as subidas do prezo da luz e de reducir o seu impacto nunha inflación que xa supera o 10%, España e Portugal fixeron fronte común na Unión Europea para introducir a seguinte limitación a esa influencia do gas no conxunto da enerxía: Independentemente do prezo que marque o gas nos mercados internacionais, o gas para as centrais de ciclo combinado roldará uns prezos de entre 40 e 60 euros durante 12 meses, dependendo de diferentes factores. Isto fará que o custo de produción de electricidade das centrais de ciclo combinado baixe artificialmente a un abano de entre 100 e 130 euros por MWh, e que por tanto baixe o prezo da electricidade en xeral –para todo o pool– ata eses niveis.
A motivación desta excepción baséase na situación xeográfica da Península Ibérica. Os dous estados non contan con demasiadas conexións eléctricas co resto de países da Unión. Isto implica unha importante desvantaxe: non teñen fácil recorrer a estados veciños para alcanzar compensacións con outras fontes enerxéticas. Isto é algo que si fan de forma regular os países centroeuropeos para resistir as subidas do gas.
A excepción ibérica, que esperta preocupación na Unión Europea e nos países de corte máis liberal ao ser na práctica unha regulación inédita no mercado común, está pendente da súa posta en marcha. A pesar de anunciarse a súa aprobación no Consello de Ministros para esta semana, atrasarase, en principio, ata a próxima por mor do que o Goberno cualificou de “problemas técnicos”.
Máis aló do anterior, este mecanismo vai crear un diferencial entre o prezo real de produción das centrais de ciclo combinado e o prezo artificialmente reducido. Este diferencial deberá ser compensado ás mencionadas centrais e asumido igualmente polo conxunto de axentes do sector: consumidores, produtores, comercializadores, administración pública, etc. En como se reparta a carga da mencionada compensación reside boa parte do éxito da denominada excepción ibérica, pero iso xa será outra historia. Continuará…