O Xallas aposta polo autoconsumo ao instalar na comarca plantas fotovoltaicas cunha potencia total de 280 KW

A comarca do Xallas está a apostar de forma decidida pola sustentabilidade, polo aforro e polo autoconsumo enerxético. Nos últimos meses, explotacións gandeiras e fábricas dos municipios de Mazaricos e Santa Comba veñen de instalar plantas fotovoltaicas que lle achegan, de forma global, unha potencia de 280 KW á comarca da man da enerxética compostelá E.nova Enerxía. Deste xeito, a actividade empresarial do Xallas está a reducir os seus custes eléctricos e a avanzar no imprescindíbel proceso de descarbonización, ao tempo que gañan en independencia enerxética.

SAT Vila Alborés, unha das gandarías de vacún orientada á produción de leite máis grandes de Galicia, vén de poñer en funcionamento sobre chan unha instalación fotovoltaica de 80 KW. A planta instalada, ademais, está dotada cun sistema de tracker, mecanismo que permite aos paneis modificar a súa orientación e resituar a súa posición segundo o movemento do sol. Con este funcionamento, a fotovoltaica amplía a súa produtividade ao redor dun 30%.

A explotación da planta instalada por E.nova Enerxía é en réxime PPA On-site. Nesta fórmula, consistente nun contrato de compra-venda polo cal o cliente cede a súa cuberta ou un terreo e o provedor de enerxía renovábel encárgase do investimento e da instalación da planta solar no espazo cedido, a factura establécese a un prezo fixo e vantaxoso por KWh. Ademais, transcorrido unha serie de anos determinados no contrato, a instalación fotovoltaica pasará ser propiedade do cliente, neste caso, Vila Alborés.

Pola súa banda, outra explotación gandeira de referencia na contorna, a cooperativa Grille, fundada en 1963 por nove familias gandeiras de Mazaricos e cunha produción superior aos 30.000 litros de leite ao día, ampliou até acadar os 80 KW a súa planta fotovoltaica, instalada por E.nova Enerxía.

Fábricas da comarca

Novo Campo Plantenes, fábrica situada en Santa Comba e auténtico referente na produción de sementeiros e recipientes terreiros para toda clase de cultivos e plantas, tamén aposta pola fórmula contractual de PPA On-site. No seu caso, a instalación fotovoltaica tamén dispón dunha potencia nominal de 80 KW, o cal cobre gran parte das necesidades enerxéticas do complexo industrial.

Pola súa banda, a fábrica de Pensos Alborés, en Mazaricos, tamén instalou unha planta fotovoltaica de 40 KW en venda directa, de xeito que esta produtora de pensos amortiza o custe da instalación a través do aforro acadado coa produción da planta.