Que implica a nova Directiva aprobada pola UE relativa á eficiencia enerxética dos edificios?

A redución da contaminación e a loita contra o cambio climático están moi presentes na lexislación europea dos últimos anos, que intensifica a creación de normativa e medidas co obxectivo de acadar as emisións cero nos diferentes ámbitos económicos, produtivos e sociais.

Nos países da Unión Europea, os edificios son os responsables do 36% das emisións de gases de efecto invernadoiro e 3 de cada 4 non son enerxeticamente eficientes. Por iso, en maio entrou en vigor a Directiva 2024/1275 relativa á eficiencia enerxética dos edificios. Unha actualización das medidas vixentes que os gobernos dos estados membros deberán incorporar ás súas propias lexislacións nos vindeiros dous anos.

A continuación, resumimos algunhas implicacións da entrada en vigor deste novo texto lexislativo, con especial mención á enerxía solar.

 

PLAN NACIONAL DE RENOVACIÓN DE EDIFICIOS

As disposicións recollidas na Directiva van encamiñadas tanto a mellorar a eficiencia enerxética dos edificios en uso, centrándose na rehabilitación daqueles menos eficientes, como na construción de novos inmobles. O obxectivo, a descarbonización do parque inmobiliario para o ano 2050.

Para conseguilo, cada país deberá crear un plan nacional de renovación de edificios; con obxectivos, políticas e medidas concretas. O plan, que afectará a edificios residenciais e non residenciais, tanto públicos como privados; establecerá uns requisitos mínimos de eficiencia enerxética.

Deste xeito, a partir de 2028, os edificios novos de propiedade pública deberán ser de cero emisións. Requisito que afectará a todos os edificios de nova creación a partir de 2030. Así mesmo, os estados membros deberán tomar as medidas necesarias que garantan a mellora en eficiencia enerxéticas daqueles edificios xa existentes que aborden procesos de rehabilitación.

 

MEDIDAS PARA O IMPULSO DA ENERXÍA SOLAR

A nova Directiva tamén se centra no fomento da enerxía solar nos distintos tipos de edificios: de organismos públicos, de oficinas e outros propios da actividade económica, residenciais… Para iso, establece a necesidade de inclusión de políticas e medidas que impulsen a implantación de instalacións de enerxía solar, que deberán quedar recollidas nos devanditos plans nacionais de renovacións de edificios.

Por outro lado, os países europeos tamén deberán velar pola optimización do potencial de xeración de enerxía solar dos edificios de nova creación, para a posterior instalación de plantas fotovoltaicas nos mesmos.

Pero a medida que conta cun maior potencial de impulso da enerxía solar é o establecemento gradual da esixencia de implantar instalacións fotovoltaicas nos edificios, sempre que sexan adecuadas e viables económica e tecnicamente.

A introdución progresiva desta obriga desenvolverase do seguinte xeito:

  • Ao remate de 2026: edificios públicos e non residenciais novos de máis de 250m2.
  • Ao remate de 2027: edificios públicos existentes de máis de 2.000m2 e non residenciais de máis de 500m2 de superficie útil. Estes últimos cando sexan obxecto dunha renovación importante.
  • Ao remate de 2028: edificios públicos existentes de máis de 750m2.
  • Ao remate de 2029: edificios residenciais novos e estacionamentos cubertos novos adxacentes a edificios.
  • Ao remate de 2030: edificios públicos existentes de máis de 250m2.

Este impulso da enerxía solar apoiase en distintos beneficios da mesma, recollidos pola devandita Directiva nas cuestións preliminares.

  • Redución da dependencia enerxética da UE dos combustibles fósiles.
  • Fomento da seguridade do abastecemento enerxético.
  • Impulso do desenvolvemento tecnolóxico e rexional e oferta de oportunidades de emprego.

 

En E.nova Enerxía coñecemos de primeira man as vantaxes que ofrece a enerxía solar. As plantas fotovoltaicas non só gozan de axudas gobernamentais para a súa implantación senón que actualmente ofrecen unha rápida recuperación da inversión.

Xa sexas particular ou empresa, se estás interesado neste tipo de proxectos, ponte en contacto con nós. Ofrecemos asesoramento personalizado, proxectos chave en man e orientación durante todas as fases do proceso, incluíndo o posterior mantemento da planta.