Que é unha comunidade enerxética?

É un colectivo conformado por cidadáns, por empresas ou por institucións de proximidade que se xuntan baixo o abeiro dunha entidade xurídica co obxectivo de xerar, usar e distribuír a súa propia enerxía. Os obxectivos finais destas entidades (xa sexan cooperativas, asociacións, asociacións empresariais ou comunidades de bens) son, principalmente, acadar unha determinada independencia enerxética, a cogobernanza sobre os recursos enerxéticos, o aforro nas facturas individuais e unha maior resistencia fronte a fortes convulsións do mercado como as que estamos a vivir dende o pasado verán.

 As comunidades enerxéticas, ademais, contan con outra serie de vantaxes que non debemos pasar por alto:

  • O reparto comunal dos gastos de instalación dos medios de produción de enerxía así como o seu mantemento.
  • Intercambio de electricidade entre consumidores.
  • A posibilidade de actuar como consumidor-produtor no mercado enerxético. É dicir, a comunidade enerxética recibirá compensacións da rede xeral venderá os seus excedentes.
  • Subvencións tanto para a súa constitución coma para a instalación de plantas de produción eléctricas.

Malia o  novidoso que lle pode soar a algúns ouvidos esta alternativa, a realidade é que xa está acoutada dende 2018 pola Comisión Europea e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico traballa para dotalas dun marco xurídico estable. Aínda así, o Goberno central xa regulou a través do Real Decreto Lei 23/2020 dous modelos diferentes: Comunidades de Enerxías Renovábeis e as Comunidades Cidadás de Enerxía.

As comunidades de Enerxías Renovábeis

Esta é a categoría máis definida na actualidade e outórgalles o dereito inequívoco aos consumidores a emprender ou a participar en proxectos renovábeis a través dos cales poden producir, consumir, almacenar e vender enerxías renovábeis, así como compartir a súa produción no seo da súa comunidade. Deste xeito, un colectivo constituído libre e lexitimamente pode instalar, por exemplo, paneis fotovoltaicos nos tellados das súas vivendas e nas cubertas das súas naves industriais e intercambiar a enerxía, acadando unha independencia do sistema tradicional de grandes eléctricas que até hai uns anos resultaba completamente inalcanzable.