Presente e futuro dos coches eléctricos

A sociedade avanza dun xeito imparable. Non temos que remontarnos moito no tempo para vermos núcleos de poboación aos que chegaban os primeiros plans de electrificación. Mentres nalgunhas vilas se regulaba a iluminación pública, nas grandes urbes xa se sufrían os efectos da polución.

Hoxe por calquera destes lugares xa poden circular os coches eléctricos, que están a conducir ao sector do automóbil a unha forte transformación. Os primeiros coches eléctricos xurdiron a mediados do século XIX, mais non acabaron de introducirse. Agora xa son unha realidade, e estanse a implantar paseniño. Durante o ano 2017, no estado español vendéronse máis de 13.000 vehículos, entre modelos eléctricos e híbridos. Un 211% máis ca no ano 2016. Deles 9.671 totalmente eléctricos entre turismos, furgonetas, quads, motocicletas ou camións.

O turismo eléctrico máis vendido o pasado ano foi o Renault Zoe, que ten unha autonomía de 403 quilómetros e véndese por uns 21.200 euros. É unha das alternativas á contaminación que apoian os gobernos seguindo o “modelo noruegués”. Neste país, co apoio de axudas e exencións fiscais, lograron que se conte cun parque móbil duns cen mil coches limpos, o que contribúe a redución das emisións. Alemaña xa adoptou medidas semellantes, e o estado español tamén comeza aplicalas.

O fabricante Renault asegura que coa tarifa eléctrica axeitada, un percorrido de cen quilómetros pode custarnos aproximadamente un euro. Calcúlase que no prazo de dous anos os coches eléctricos estarán totalmente integrados no mercado automobilístico, aínda que por diante teñen o reto de superar algúns obstáculos. Un deles é o da duración das baterías e outro é que de momento aínda non se conta cunha rede de electrolineiras ou puntos de recarga abondo implantada. Na actualidade hai uns tres mil puntos repartidos por todo o estado español, dos cales case 800 están só en Cataluña.

Será o consumidor o que responda ás posibles preguntas. Polo de agora, o custo dos vehículos, a falta dunha rede de puntos de carga e máis a duración das baterías, son argumentos en contra; en tanto que a súa eficiencia enerxética, o aforro a medio prazo, a redución de emisións e as liñas de axuda gobernamental, son aspectos positivos. A medida que a industria e a administración pisen o acelerador, os coches eléctricos terán unha progresiva implantación, porque está claro que, nesta ocasión, os coches eléctricos chegaron para ficaren.