E.nova Enerxía álzase co premio Manuel Beiras polo seu compromiso e boa práctica no emprego do galego diante da cidadanía. O Teatro Principal de Santiago acolleu onte a XXVI edición deste galardón, organizado polo Concello de Santiago e Cámara de Comercio para recoñecer a labor social das empresas que, mediante o uso do galego nas súas comunicacións, facilitan a normalización da lingua.
Nunha gala cargada de emoción, E.nova Enerxía recibiu o premio na categoría “Empresa innovadora no uso do galego” grazas á “sensibilidade lingüística que amosa nun sector dinámico e en crecemento, habitualmente alleo ao noso idioma”.
No seu discurso, a nosa compañeira Yaisa Quiñoy empregou un recurso tan galego como é a retranca para poñer o foco na escaseza de empresas e institucións que fan uso do galego, a pesar de ser un dereito da cidadanía, recoñecido dende hai décadas.
Yaisa agradeceu o premio aos organizadores e explicou a importancia do galego en todas as comunicacións de E.nova Enerxía: “O certo é que a utilización da nosa lingua, a galega, é totalmente normal e transversal a todos os usos internos e externos da nosa actividade profesional e empresarial”. Finalizou o seu discurso salientando os beneficios que aporta o noso idioma como elemento de cohesión no mercado galego e de diferenciación nos de fóra.
O GALEGO, SINAL DE IDENTIDADE DE E.NOVA ENERXÍA
Desde a creación da empresa, E.nova Enerxía constitúese como una empresa defensora da aposta pola nosa lingua. As comunicacións fanse dándolle prioridade ao galego, converténdoo así en parte fundamental da propia identidade de E.nova Enerxía, somos unha enerxética con capital e asentamento galego, e permitindo á clientela galega comunicarse na súa propia lingua.
O equipo de E.nova Enerxía emprega así o galego de xeito integral e totalmente normalizado en tódolos ámbitos da súa actividade profesional, tanto nas comunicacións internas como externas coa clientela: facturas, contratos, contas anuais, campañas publicitarias, redes sociais, correos…