Por que pagamos máis na nosa factura

A maioría dos consumidores non entende o que pasa coas súas facturas eléctricas, e levarían as mans á cabeza se souberan que o prezo da enerxía no mercado eléctrico é case constante nos últimos anos. En cambio, eles viron como pagan case o dobre que fai uns seis anos.

Neste proceso diferéncianse claramente dúas fases. Unha primeira, localizada entre 2008 e 2013, na que o prezo da enerxía no mercado libre mantívose constante e as peaxes reguladas polo estado foron cara arriba, aumentando a factura.

A segunda fase vai dende 2014 ata hoxe en día. Dende aquela as peaxes están conxeladas, pero rexistrase un lixeiro aumento do prezo da enerxía no mercado libre; ocasionalmente tamén subas pronunciadas, que teñen unha forte repercusión mediática, pero que son só illadas.

Como se pode ver, o quid desta suba está nas chamadas peaxes de acceso, que supoñen o 47% da factura, despois de impostos.

Que son as peaxes de acceso?

As peaxes de acceso son a parte da factura eléctrica regulada polo estado, independentes por tanto do mercado. Este apartado vai destinado a pagar principalmente os custos de acceso á rede eléctrica. Ou sexa, o transporte da enerxía ata os puntos de consumo.

Pero ademais estas peaxes serven tamén para financiar outras cuestións que non teñen unha relación directa co consumo, por exemplo as primas ás instalacións renovables, a moratoria nuclear, as subvencións ó carbón ou para facilitar que os consumidores non peninsulares teñan un prezo similar ao noso.

O déficit tarifario

Outro asunto controvertido, relacionado ca suba do prezo da electricidade, é o déficit tarifario. Este orixinouse en base ós custos recoñecidos polo estado ás compañías distribuidoras dende a liberalización do sector(1997), que combinado ca toma de decisións por parte do goberno, como a adoptada sendo ministro Rodrigo Rato, quen estableceu que a luz non debería subir por riba do prezo do IPC, motivaron unha débeda coas compañías eléctricas.

Entre os anos 2005 e 2009, a subida do petróleo provoca que se tripliquen os gastos de produción de electricidade. Isto derivou no aumento dunha débeda, que posteriormente seguiu crecendo aínda que os custos de produción nos últimos anos estabilizáronse. Pero os intereses seguiron engordando os números vermellos.