Os tipos de lámpadas e as súas características

Cales son as lámpadas que debemos mercar?.Seguramente sexa unha pregunta que se fai moita xente. Para obter unha resposta clara e decidir por nós mesmos, o ideal é coñecer os distintos tipos que hai de lámpadas.

As lámpadas “incandescentes” son as máis comúns.Teñen ao seu favor, que son as máis baratas do mercado, pero son as que teñen unha vida útil menor (unhas 1.200 horas) e provocan un alto consumo. Ao estaren compostas de tungsteno e mercurio, fai delas as menos respectuosas co medio ambiente.

Unha das clases máis populares na actualidade son as lámpadas LED (light emitting diode). É unha opción ecolóxica. O seu uso provoca menos emisións de CO2. Reduce o consumo nun 80% con respecto ás incandescentes. Ten unha grande durabilidade (entre 50.000 e 100.000 horas). Pola contra, a parte negativa é o prezo, que supera a todas as demais alternativas.

As chamadas lámpadas de “baixo consumo” ou “fluocompactas” consomen moito menos enerxía que as incandescentes e poden chegar ás 15.000 horas de duración. Non son aconsellables para as zonas de paso, xa que funcionan como os tubos fluorescentes e tardan un tempo en alcanzar a súa máxima intensidade.

Tamén temos as lámpadas “halóxenas” que se caracterizan pola súa importante intensidade luminosa, sendo ideais para os espazos exteriores. Emiten soamente luz branca e sofren un quecemento excesivo do cristal. Poden acadar as 3.000 horas de horas de actividade. Consomen menos que as “ incandescentes” pero máis ca fluocompactas ou LED.