A enerxía fotovoltaica conta con grandes vantaxes con respecto ás fontes tradicionais. Non obstante, tamén presenta retos. Un dos principais está en que a xeración de enerxía non é estábel e continuada ao longo do día. Existen picos de produción a determinadas horas, que non sempre coinciden cos picos de demanda. Que ocorre con esa enerxía? Como evitar que se desaproveite? A resposta é sinxela e está no almacenamento de enerxía.
Existen diferentes procesos para o almacenamento da enerxía solar – é o caso do almacenamento térmico ou do mecánico – pero na actualidade o uso de baterías constitúese como o máis elixido.
COMO FUNCIONAN AS BATERÍAS SOLARES
Antes de explicar o proceso de almacenamento, debemos ter en conta que os paneis solares – formados por células solares – reciben a radiación do sol e transfórmana en enerxía eléctrica. Esta enerxía pode empregarse para subministro de electricidade ou, en caso de que non exista demanda suficiente, pódense verter os excedentes nas baterías.
Cando a demanda supera a produción, as baterías son as encargadas de subministrar enerxía; mentres que cando a produción conta con excedentes, aproveitan para se cargar. Estas baterías están compostas por celas electroquímicas cuxa función é transformar a enerxía eléctrica en química, para o seu almacenamento eficiente. Posteriormente, cando esa enerxía se precise, transfórmana novamente en enerxía eléctrica para o seu uso.
TIPOS DE BATERÍAS
Existen diferentes tipos de baterías que se elixirán en función das características e obxectivos de produción da planta fotovoltaica. Por exemplo, para o autoconsumo de baixa e media potencia son máis habituais as monoblock, ao ofreceren un alto rendemento a baixo custo.
Cunha maior potencia e vida útil, as baterías estacionarias son máis adecuadas que as anteriores cando se está a falar dun consumo alto e continuado. É o caso das industrias onde se empregan grandes electrodomésticos ou maquinaria.
Pero se hai unhas baterías que están a gañar cada vez máis presenza no mercado son as de litio. Isto débese a que son lixeiras, cargan más rápido e presentan unha grande eficiencia e unha vida útil moi prolongada. Se ben os custos de instalación poden parecer altos, ofrecen unha excelente relación calidade – prezo.
Con respecto aos tipos de baterías, é importante diferenciar entre as baterías das que estamos a falar, para o almacenamento de enerxía, e as baterías virtuais. Estas últimas non almacenan enerxía senón que se trata dunha especie de moedeiro virtual que almacena o diñeiro equivalente á enerxía non consumida e vertida á rede. En ocasións, esta alternativa pode ser contraproducentes para o cliente.
VANTAXES DO ALMACENAMENTO
A produción non uniforme de enerxía ao longo do día fai que as empresas que se decantan polo autoconsumo aínda teñan que adquirir a enerxía que precisan da rede eléctrica.
Coa instalación de baterías para o almacenamento, facilítase unha maior dispoñibilidade de enerxía fotovoltaica procedente do autoconsumo e, por conseguinte, aumenta a independencia enerxética.
Do mesmo xeito, esta redución da enerxía obtida da rede eléctrica redunda nun incremento do aforro económico. Non só aumenta a enerxía que provén do autoconsumo senón que ademais esta pódese empregar durante as horas nas que se producen picos de demanda e a enerxía que vén da rede está máis cara.
Cada vez máis clientes inclúen na súa planta fotovoltaica unha solución de almacenamento enerxético. Deste xeito, o excedente de enerxía que se produce en horas pico – durante as horas centrais do día – pódese aproveitar para cando caia a produción, por exemplo durante a noite, ou para momentos nos que a actividade requira un pico no consumo enerxético.
En E.nova Enerxía somos especialistas en fotovoltaica. Analizando cada proxecto concreto, determinamos a conveniencia de incluír baterías para almacenamento así como a capacidade que deberán ter as mesmas.