Ante as informacións inexactas que circulan a través de diversas canles ao respecto das condicións esixibles aos consumidores que opten por mudar de compañía eléctrica, dende E.nova Enerxía queremos poñer en valor algunhas consideracións ao respecto para axudar a clarificar esta cuestión.
Son moitas as persoas que descoñecen que cambiar de comercializadora enerxética non implica necesariamente ter que abonar unha penalización. Primeiramente, é preciso deixar claro que calquera usuario do servizo pode elixir libremente a súa subministradora de luz (ou de gas) e rescindir, no momento no que así o considere, os seus servizos para optar por contratar os dunha compañía diferente.
O ÚNICO CASO NO QUE HABERÍA QUE ABONAR UNHA PENALIZACIÓN
Só unicamente nun caso concreto tería que facerse fronte a unha posible penalización dado que é habitual que moitas comercializadoras obriguen aos seus novos clientes a manter con elas un período de permanencia dun ano. Aínda así, se alguén decide rescindir o seu contrato antes dos 365 días aos que unha eléctrica o vincula a ela, é posible facelo e ningunha norma pode obrigar ao contrario. Tan só neste caso, a empresa podería aplicar unha multa que se fixaría, como máximo, nun 5% do prezo marcado no contrato pola enerxía pendente de consumo.
Unha vez finalizado ese primeiro ano de posible permanencia, calquera contrato pode anularse sen que implique penalización algunha. Iso si, é preciso que aquel que recibe a prestación de servizo llo notifique a súa comercializadora actual con 15 días de antelación.
COMO SABER SE TEMOS OBRIGA DE PERMANENCIA COA NOSA OPERADORA ACTUAL?
Para coñecer se o contrato que se ten en vigor leva aparellada obriga de permanencia, o mellor é consultar directamente o documento. As empresas temos a obriga de entregar unha copia a cada cliente deste contrato, no que se detallen as condicións dos servizos que se prestan. Aínda así, se non se conserva copia, debería abondar cunha simple chamada á comercializadora actual para solicitar os datos e as cláusulas asinadas no momento no que este se activou o contrato.
Na páxina web do Ministerio de Transición Ecolóxica pódese consultar toda a información precisa sobre os requisitos para formalizar os cambios de empresa subministradora e as obrigas legais ao respecto. Se queres ter información máis polo miúdo sobre esta cuestión podes acceder ao texto aquí.
A lei en vigor protexe especialmente aos consumidores co obxectivo de garantir e defender a competencia. Neste sentido, a vontade última da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) pasa por impedir que as empresas comercializadoras poidan restrinxir os dereitos e a liberdade de elección por parte dos consumidores obrigándoos a manter contratos de longa duración.
UNHA NORMATIVA EXISTENTE DENDE 2022
Polo tanto, e a modo de resumo, a normativa legal existente, que data de 2002 e que regula as condicións básicas dos contratos de adquisición de enerxía e de acceso ás redes de baixa tensión establece expresamente que a duración máxima destes non pode exceder de 52 semanas deixando aberta (iso si) a posibilidade de que se prorroguen anualmente.
Porén, aqueles que decidan rescindilo antes da primeira prórroga poden igualmente facelo cunha penalización limite do 5% do prezo contratado pola enerxía estimada pendente de subministración. Cómpre ter en conta que esta contía só pode ser esixida no primeiro ano do contrato e non durante as súas prórrogas, que no caso de que se teñan efectuado están exentas de penalización por lei.
Neste último suposto, se o que queremos é rescindir unha prórroga dun contrato porque levamos vinculados á compañía máis dun ano e queremos optar por unha diferente, é preciso que avisemos con 15 días de antelación.
COMO COMUNICAR O CAMBIO
Se estás considerando mudar de compañía eléctrica e, finalmente, decides facelo tan só terás que notificalo á túa operadora actual polas diversas canles de comunicación que se adoitan ter activadas para isto, xa sexa un número telefónico de atención ao cliente ou a través de Internet (basicamente chega con enviar un correo electrónico ou cumprimentar un cuestionario ao que normalmente pode accederse de xeito online).
Se, polo motivo que sexa, queres dar de baixa o servizo que che presta a túa compañía eléctrica lembra que tes dereito a facelo, en calquera momento, e ademais de xeito moi sinxelo. Unicamente tes que lembrar que o cambio non adoita ser inmediato xa que se precisan arredor de dúas ou tres semanas para poder materializalo.
Así e todo, en E.nova Enerxía estamos ao teu dispor para aclararche calquera dúbida adicional en relación a este asunto.
Para que poidamos axudarche podes contactarnos a través do 900 934 473 ou mediante o enderezo electrónico contacto@enova-enerxía.gal.