Metaldeza e Nudesa elixen E.nova Enerxía para instalaren senllas plantas fotovoltaicas

Metaldeza e Nudesa, dúas empresas de referencia nos sectores industrial e primario respectivamente, decántanse pola enerxía fotovoltaica para as súas instalacións. Cunha potencia de 350kW repartida entre ambas, estes proxectos facilitan a incidencia das fontes de enerxía renovábel na comarca do Deza.

Nudesa, dedicada á produción e comercialización de pensos así como á produción porcina, optou pola instalación dunha planta fotovoltaica de 200 kW; cunha xeración de enerxía aproximada de cerca de 250.000 kWh anuais. Pola súa parte, Metaldeza, empresa de enxeñería industrial centrada en construcións metálicas, decantouse por unha potencia de 150kW. No caso desta planta, estímase unha produción enerxética de máis de 185.000 kWh ao ano.

Planta fotovoltaica nas instalacións de Nudesa

Para a abordaxe de senllos proxectos, as empresas optaron por un réxime de contrato de PPA on – site coa enerxética compostelá E.nova Enerxía. Con esta modalidade, E.nova Enerxía asume o investimento inicial da planta, que instala na cuberta do cliente, para posteriormente subministrarlle localmente enerxía a un prezo considerabelmente inferior ao do mercado maiorista. Así mesmo, a propiedade da planta fotovoltaica pasará ao cliente ao cabo dun número concreto de anos, estipulado no propio contrato PPA On-site.

Ás vantaxes en canto a aforro e independencia enerxética que obteñen as empresas grazas a este tipo de proxectos, súmanse os beneficios medioambientais. Coa proliferación de plantas fotovoltaicas nos sectores económicos que impulsan empresas como E.nova Enerxía, redúcese considerabelmente a emisión de gases contaminantes  ao entorno. No caso das plantas de Nudesa e Metaldeza, evitarase a emisión de 86,9 e 67,4 toneladas anuais de CO2 respectivamente.

Placas fotovoltaicas na cuberta de Metaldeza

NOVOS PROXECTOS 

Estes non son os únicos proxectos da enerxética compostelá na comarca do Deza, senón que xa conta con outros dous pechados na mesma. Ambos en réxime de PPA On-Site.

A Cooperativa Hoxe instalará na súa queixaría en Prado (Lalín) unha planta fotovoltaica, engadíndolle á súa produción tradicional un novo valor de sustentabilidade. Tamén ten planeada a instalación dunha planta fotovoltaica a cooperativa gandeira Cobideza para a súa fábrica de queixos, Dona Cobiña, na Agolada.