A Fundación Menela cobre a través do autoconsumo o 40% da necesidade enerxética do seu Centro Castro Navás grazas á planta fotovoltaica instalada por E.nova Enerxía

A Fundación Menela, institución viguesa con máis de 40 anos de traxectoria na atención ás persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), cobre xa o 40% do consumo eléctrico do seu Centro Castro Navás (Nigrán) grazas á planta fotovoltaica instalada pola empresa E.nova Enerxía. Os paneis solares -situados en varios dos edificios que conforman este complexo- entraron en funcionamento o mes pasado e a súa produción implicará aforros do 40% na factura da luz. Estímase que a baixada media no recibo roldará os 500 euros mensuais.

Deste xeito, a Fundación Menela aposta por unha banda polo autoconsumo nun contexto de grandes tensións no mercado eléctrico e, pola outra, polas enerxías renovables dentro do proceso colectivo cara á descarbonización que se está a desenvolver para facer fronte aos desafíos da urxencia climática.

Os paneis solares cobren unha superficie de 255 metros cadrados das cubertas do Centro Castro Navás, repartidos entre dous dos inmobles que constitúen este complexo inaugurado en 1993 e destinado a labores de formación, inserción laboral e residencial. A instalación desta planta fotovoltaica de 35 KW contou co apoio da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega) da Xunta de Galicia en base ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

SEN GASTO INICIAL

A enerxética galega E.nova Enerxía actúa como promotora desta planta fotovoltaica a través dun réxime PPA On-Site. Este modelo (cuxas siglas en inglés son Power Purchase Agreemen) é unha fórmula contractual de compravenda de enerxía a longo prazo pola cal o cliente non realiza o investimento inicial e paga pola enerxía consumida a un prezo máis reducido que o de comercialización. Deste xeito, a Fundación Menela aforra dende o primeiro momento ao non ter que afrontar os gastos de instalación e ten a opción de facerse coa propiedade da planta chegado o momento en que venza o prazo.

Fundación Menela, constituída en 1989, é unha recoñecida entidade de iniciativa social sen ánimo de lucro, declarada como benéfico-asistencial e de interese galego, que atende as necesidades das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e as súas familias ao longo do seu ciclo vital, desde o diagnóstico, atención temperá e escolarización nos primeiros anos, ata a atención de adultos. Xunto coa empresa de inserción laboral Castro Navás S.L. e a Fundación Tutelar “Camiño do Miño” constitúen a Rede Menela de Centros e Servizos para o Autismo e a Dependencia que atenden a un total de 259 persoas con TEA e as súas familias.

Pola súa banda, E.nova Enerxía é unha enerxética con capital e asentamento galego. Radicada en Santiago de Compostela, a entidade naceu en 2014 e está especializada no mercado enerxético, na comercialización e nas enerxías renovables. O asesoramento continuado dos seus clientes, as auditorías enerxéticas, a optimización dos eixos do consumo (produción, consumo e eficiencia), as instalacións de plantas fotovoltaicas e a promoción de comunidades de enerxía renovable son algúns dos seus ámbitos de actuación.

Fundación Menela