ISO 50001 un certificado de eficiencia enerxética

A normativa internacional ISO 50001 pretende garantir un sistema eficiente de xestión da enerxía e permitir que as empresas melloren a súa eficiencia, os gastos relacionados coa enerxía e a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Empezou a aplicarse a partir do verán de 2011, a través da iniciativa da Organización das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Industrial (UNIDO), que demandaba unha normativa que respondese ao cambio climático e ao aumento dos estándares estatais de xestión da enerxía.

O obxectivo é ser unha ferramenta de axuda para a xestión eficiente de empresas e organizacións mediante os seus propios procesos. Á parte da característica de respecto ambiental tamén destaca a de aforro no consumo, mediante a implicación dos empregados e directivos.

Supón ademais unha mostra de compromiso medioambiental, certificada mediante as auditorías realizadas polas entidades acreditadas que se basean na metodoloxía do “círculo de Deming”. En primeiro lugar establécese un plan enerxético pra a mellora da política da empresa neste sentido, para posteriormente desenvolver as accións previstas. A terceira fase é a de monitorizar os resultados e a súa correspondentes valoración. No último lugar, establécese unha cuarta fase de revisión dos resultados, da que poden derivar outras accións de corrección ou de mellora.

España é o oitavo estado do mundo en número de certificacións ISO 50001, o que segundo o presidente da entidade certificadora AENOR é un valor engadido para o conxunto do estado:”Unha certificación concedida por unha entidade amplamente recoñecida é un verdadeiro pasaporte que facilita o acceso a mercados exteriores” asegura Carlos Esteban.

En 2015 a demanda destes certificados medrou un 77% a nivel mundial. Entre outros motivos, este aumento responde a un dos máis significativos datos relacionados ca implantación desta normativa: segundo un estudo da Organización Internacional de Normalización(ISO) estas medidas supoñen un aforro de entre un 5 e un 30% en enerxía.

Non menos relevante, outro dato para ter en conta é que, segundo ISO, nove de cada dez organizacións que aplican esta norma recoméndana, e o 95% dos usuarios din que axuda a identificar as actividades segundo o seu consumo de enerxía, favorecendo así a imaxe da empresa.