O pasado 27 de novembro, E.nova Enerxía acudiu ao CIFP Coroso, en Ribeira, e ao IES Macías O Namorado, en Padrón; para dar a coñecer as saídas profesionais que ofrece a enerxética. Xurxo López, socio co-fundador e director executivo, e Antonio Pérez, director técnico, desenvolveron unha presentación da empresa co obxectivo de mostrar aos asistentes as opcións de prácticas na mesma, coa posibilidade de que estas se transformen en emprego estábel.
O alumnado presente pertencía ás ramas de electricidade e electrónica, recibindo formación específica en ámbitos directamente relacionados coa actividade de E.nova Enerxía como a enerxía, a fotovoltaica, a mecánica ou a robótica.
Tras a presentación, abriuse unha quenda de preguntas que desembocou nun interesante diálogo entre o alumnado e os nosos compañeiros de E.nova Enerxía. Con este tipo de actuacións non só se dan a coñecer as posíbeis saídas profesionais para eles senón que se definen conclusións que achegan ambas posturas, a profesional e a docente. Deste xeito, obtense un impacto positivo tanto para a propia empresa como para as formacións profesionais, sempre moi inclinadas cara o mundo laboral.
E.nova Enerxía é unha empresa que se atopa nun momento de forte crecemento, tanto no relativo á expansión do seu mercado como na diversificación dos servizos. Isto fai esencial o coñecemento das novas xeracións profesionais, sempre na procura de novo talento cualificado e motivado que impulse un dos valores fundamentais da nosa empresa: un equipo formado por expertos no sector enerxético, aliñados cos valores de sostibilidade e innovación da empresa. Pola súa banda, a enerxética ofrece un ambiente laboral dinámico e innovador; moi atractivo para o desenvolvemento laboral dos novos profesionais.