E.nova Enerxía, patrocinador do concurso de Mellor Criador de Xovencas en Feiradeza

E.nova Enerxía asistiu á 39 edición de Feiradeza, evento de referencia para o sector gandeiro en Galicia, que se celebrou do 7 ao 9 de xuño en Lalín. Co obxectivo de apoiar ao sector, de grande relevancia para a economía do país, a enerxética afincada en Santiago de Compostela patrocinou o concurso de Mellor Criador Xovencas.

Nesta sección, compiten grupos de 3 femias non paridas nadas na mesma explotación, aínda que agora sexan de propietarios diferentes. O premio foi para a Gandaría Carro S.L., en Mellor Criador Xovencas Open, e para a gandaría Carballeiras en Mellor Criador Xovencas Feiradeza.

Xunto co patrocinio de sección, a presenza de E.nova Enerxía completouse cun stand onde os asistentes puideron coñecer os seus servizos, que van dende a subministración enerxética tradicional ata proxectos de fontes renovábeis como o autoconsumo fotovoltaico ou solucións de aerotermia.

Ademais de mostrar os seus produtos e servizos, o equipo de expertos que forma E.nova Enerxía resolveu as dúbidas en materia enerxética daqueles que se achegaron ao expositor, dando mostra da aposta de valor máis característica de E.nova Enerxía: non se trata só de subministrar un servizo senón de ofrecer unha solución personalizada a través do asesoramento e orientación continuado, tendo en conta as necesidades e características de cada cliente.