Esta fin de semana E.nova Enerxía participou na XLI Mostra Exposición de Muimenta, Moexmu, no concello de Cospeito. Parte do equipo comercial estivo presente para atender todas as dúbidas e necesidades que teñen os negocios do sector, así como dar mostra das vantaxes competitivas que poden ofrecer, por exemplo, a través da implantación de enerxías máis sustentábeis e eficientes como a fotovoltaica ou a aerotermia.
Ademais da súa presenza cun stand informativo, onde mostraron os seus servizos; a enerxética compostelá quixo apoiar o evento formando parte dos patrocinadores da mesma. Moexmu constitúe unha das feiras referentes do sector agrogandeiro de Galiza e a única que conta cun concurso de gando na provincia de Lugo.
A través de Moexmu, durante os días 4, 5 e 6 de abril, os asistentes puideron desfrutar na parroquia de Muimenta (Cospeito) de diversas actividades relacionadas coa gandaría, destacando o XXXIX Concurso de Raza Frisona, a XXXIX Exposición de Rubia Galega e a XXIX Poxa de Gando Selecto, entre outras.
Coa súa presenza na feira, E.nova Enerxía non só deu mostra dos seus produtos e servizos, senón que puxo en valor unha das súas características esenciais: a enerxética non trata só de subministrar un servizo senón de ofrecer unha solución personalizada a través do asesoramento e orientación continuado, tendo en conta as necesidades e características concretas de cada cliente.