Almacenamento de enerxía fronte a ‘the duck curve’

Nas últimas semanas, en coincidencia co gran incremento da produción renovábel ( eólica, hidráulica e, nomeadamente, a fotovoltaica) xurdiu a chamada ‘The duck curve’ (en galego, curva do parrulo). Trátase dun fenómeno que se reflicte nas gráficas que recollen o prezo horario da enerxía no mercado diario. Un prezo que se reduce drasticamente cando hai sol e sobe cando non o hai.

Gráfica de California que recolle a ‘curva do parrulo’ / Arnold Reinhold

Este fenómeno responde principalmente ás dinámicas da oferta-demanda. No que respecta á demanda, os mínimos de consumo enerxético prodúcense na madrugada e os momentos de maior esixencia cadran coa mañá e xusto despois do anoitecer, ficando o mediodía lixeiramente por baixo dos máximos. Cando nace o sol actívanse as empresas e fogares e cando cae préndense case que ao unísono as luces de todo un territorio.

Canto á oferta de produción eléctrica, esta acada os seus máximos nas horas centrais do día, cando hai sol e a fotovoltaica copa o mix enerxético, facendo que o prezo da electricidade descenda. Coa chegada da noite, a produción da fotovoltaica reduce e sucédense varias consecuencias. Primeira, tensións no mercado pola suba da demanda e diminución da oferta. Segunda, a entrada no sistema de produción procedente do ciclo combinado (que consome gas natural, por tanto máis cara) Finalmente, unha suba empinada no prezo da electricidade, que se mantén durante a noite.

Todas estas circunstancias reprodúcense de forma máis aguda durante a fin de semana. Se visitamos a web do OMIE (Operador do Mercado Ibérico de Enerxía), podemos consultar as gráficas de cada día. No caso dos últimos sábados, podemos observar os picos e as depresións con maior claridade. Na seguinte gráfica, se completamos a imaxe cunha liña que une as barras de cada hora, trazariamos a forma do parrulo ao que fai referencia, o termo.

Gráfica do Omie

Nalgúns casos prodúcense de forma máis acusada e recórrese a outros alcumes. En Hawai ou California, onde a fotovoltaica é fundamental, recibe o sobrenome de curva de Nessie, en referencia ao monstro do lago Ness e o seu alongado pescozo.

As baterías como solución

O reto do sector fotovoltaico é como enfrontarse ás consecuencias da ‘curva do parrulo’ para estabilizar o prezo da electricidade no mercado ao longo do día. Unha das solucións tecnolóxicas máis claras pasa polo uso de baterías de almacenamento a grande escala, for de maneira distribuída ou concentrada. Na actualidade, hai diferentes modelos que poden darlle resposta ao pequeno autoconsumo solar, mais tamén á actividade industrial.  Hainas de tres tipos, principalmente:

Baterías monoblock. Son as máis empregadas para o autoconsumo de baixa e media potencia.

Baterías estacionarias. Teñen maior potencia e maior vida útil. Resultan máis apropiadas para industria que use de grandes electrodomésticos ou maquinaria. Dura uns vinte anos.

Baterías de litio: Son as de maior demanda na actualidade, xa que o seu desenvolvemento está a garantir grandes capacidades e unha maio optimización de carga. Ademais, polo seu desenvolvemento tecnolóxico, está a reducir o seus custes.

Paneis fotovoltaicos

As baterías virtuais

Nos últimos tempos, a raíz das circunstancias derivadas da ‘duck curve’, están a xurdir dende as comercializadoras  as chamadas baterías virtuais, un mecanismo que aparentemente resultaría moi vantaxosa para o consumidor. Este sistema vén a consistir en que os excedentes de enerxía xerados nunha planta fotovoltaica durante as horas de maior eficiencia son acumulados na conta do propietario, que poderá escoller empregalos cando queira e onde queira.

A priori soa moi ben poder producir excedentes de enerxía en agosto e utilizalos en xaneiro. Ademais, podemos poñer o caso dun propietario afortunado con dúas vivendas, unha habitual e outra para vacacións. Esta última nun lugar soleado e cuxo tellado está cuberto por paneis solares. Produce alí todo o verán e o excedente xa usará no escuro e frío decembro, no seu domicilio.

A teoría é boa, pero ten as súas acusadas eivas. En primeiro lugar, a acumulación virtual non se mide pola cantidade excedente, senón polo valor da produción. Gran parte dos sobrantes, por mor da xa citada curva de pato, teñen un valor mínimo que non poderá facer fronte ás cifras do custe de enerxía durante o inverno.

Por outra banda, cómpre termos presente a lexislación vixente. Na actualidade, o Real Decreto 244/2019, que rexe o autoconsumo eléctrico, sinala unha serie de consideracións. Primeiro, que os excedentes deben liquidarse no mesmo mes en curso. Segundo, que só poden ser utilizados no mesmo punto de subministro.

Por último, cómpre destacar o fomento de plantas sobredimesionadas. Un bo número de propietarios están a instalar paneis moi por riba das súas necesidades coa esperanza de reducir a súa factura no inverno de forma drástica. Non é mal plan, mais non vai acontecer na medida agardada…