Da Cunha aposta polas renovábeis da man de E.nova Enerxía

O Grupo Da Cunha, referente do sector panadeiro e da industria alimentaria en Galicia, aposta polas enerxías renovables ao establecer nas cubertas da súa sede no polígono Os Capelos, en Carral, unha planta fotovoltaica de 410 kWp, que se converte nunha das instalacións máis grandes de Galicia destas características. Con esta planta, o Grupo Da Cunha cubrirá a través do autoconsumo o 30% das súas necesidades eléctricas e reducirá as súas facturas da luz entre o 25% e o 30% ao ano de media. Deste xeito, Da Cunha aposta polas renovábeis con E.nova Enerxía.

Así o explicou esta mañá Manuel da Cunha, presidente fundador do grupo que leva o seu nome, na inauguración desta novidosa planta de enerxía solar na que participaron tamén o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Pablo Fernández Vila; o alcalde de Carral, Javier Gestal, e o xerente de E.nova Enerxía, Xurxo López. “As placas fotovoltaicas significan un aforro importantísimo nun ano en que o consumo pasou de 20.000 euros nun mes normal a máis de 65.000 euros”, sinalou Da Cunha, quen subliñou a gran relevancia do aforro enerxético que permite unha instalación fotovoltaica destas características. Da Cunha, ademais, conduciu unha visita polas instalacións da empresa co conxunto de convidados. Entre eles, atopábanse representantes do grupos municipais do Concello de Carral e empresarios da contorna.

Futura instalación

A eléctrica compostelá E.nova Enerxía foi a encargada da instalación desta planta que conta con 820 paneis nas cubertas da sede do Grupo da Cunha. A planta entrou en funcionamento este verán pasado. “O autoconsumo renovable é un paso fundamental que cómpre dar, tamén dende o ámbito empresarial e industrial, sobre todo nun contexto tan complexo como o que estamos a vivir ao respecto dos prezos da enerxía”,  sinalou Xurxo López, antes de adiantar que E.nova Enerxía e Da Cunha xa están a colaborar “para a instalación dunha nova planta fotovoltaica na nave en Tabeaio, lugar orixinal onde se fundou o grupo”.

Xurxo López, xerente de E.nova Enerxía, xunto a Manuel Da Cunha, o alcalde de Carral e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais. Pablo Fernández Díaz

A planta fotovoltaica do Grupo Da Cunha contou co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de subvencións a proxectos de enerxía fotovoltaica xestionada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega). O representante da Xunta sinalou na súa intervención a aposta que desde o Goberno autonómico se está realizando polo autoconsumo e o almacenamento enerxético  como eixo fundamental para a transición enerxética e explicou que o orzamento do Inega para 2023 aumentará ata preto dos 80 millóns de euros.

Pola súa banda, o alcalde de Carral amosou a súa satisfacción pola implicación coa transición enerxética dunha empresa tan importante para Carral como Grupo Da Cunha. “Esta é un grupo que representa moito para Carral”, sinalou Gestal antes de subliñar a inequívoca vontade de apoiar dende o Concello o tecido empresarial do municipio.

Máis de 35 anos de historia

En 1986 creouse o Grupo da Cunha, centrándose nos primeiros anos na elaboración das distintas pezas tradicionais do pan de Carral e realizando unha distribución directa de porta a porta. O trato directo cos clientes permitiu unha áxil consolidación na contorna, así como a expansión por concellos limítrofes, incluíndo o da Coruña. En 1999, o grupo inaugurou un complexo con 5 muíños de pedra para a elaboración de fariña de trigo autóctono. Xa en  2005, Da Cunha ampliou as instalacións e inaugurouse un novo espazo dotado con 11 fornos. Actualmente o Grupo Da Cunha está conformado por tres grandes empresas nas que traballan un total de 135 traballadores, conta con 8 establecementos propios de venda directa ao público e distribúe os seus produtos a 800 comercios e grandes superficies a nivel estatal.

E.nova Enerxía, pola súa banda, é unha enerxética con capital e asentamento galego fundada en 2014. En base ao coñecemento do sistema enerxético e a un asesoramento continuado ao seus clientes, logra optimizar os tres eixos do consumo para garantir aforros nas facturas eléctricas. As súas liñas de acción pasan pola enerxía verde, o autoconsumo de enerxías renovables, a instalación e xestión de plantas fotovoltaicas, o asesoramento e constitución de comunidades enerxéticas ou a comercialización de electricidade, así como outros servizos enerxéticos.