Inflación e dependencia. Rusia e mais Arxelia. Paradas na industria e empobrecemento enerxético. Baleirados de embalses, lavadoras pola mañanciña ou a calefacción coma un luxo. Estes e outros sobresaltos acaban por batuxar calquera conversa que xire ao redor da luz, da electricidade ou da enerxía. Atopámonos fronte a un conxunto de circunstancias que xeran unha crise enerxética inédita que empurra a cidadanía cara a unha situación de estrema vulnerabilidade. A excepción da crise do petróleo de 1973, nunca antes unha convulsión desta natureza tivo unha reacción tan directa, tan inmediata e tan fonda na calidade da vida da xente.
Malia todo, esta comparanza só serve para subliñar a excepcionalidade do momento, xa que as diferenzas entre un transo histórico e o outro son tantas e tan variadas que imposibilita o reflexo no espello. Pero de entre todas elas, cómpre termos presente dúas para abordar o asunto que trataremos polo miúdo nas próximas liñas:
- En primeiro lugar, a nivel global estamos inmersos nun inaprazable proceso de transición ecolóxica co obxectivo de acadarmos a descarbonización. Hoxe por hoxe, a enerxía provoca o 60% das emisións de efecto invernadoiro globais. Como resposta, a Axenda 2030 impulsada por Nacións Unidas, marca como obxectivo irrenunciable para esta década o incremento contundente na proporción das renovábeis no conxunto de fontes enerxéticas.
- Os avances tecnolóxicos actuais nos ámbitos destas enerxías renovábeis suscitan unha posibilidade que, até hai poucos anos, resultaba imposible de enxergar: o autoconsumo. As posibilidades para un autoabastecemento a través de enerxías verdes abren un campo tamén inédito e a unha escala de proximidade até agora inimaxinable: o propio fogar, a propia empresa.
Polo tanto, hai alternativas. Pero non só na produción enerxética, senón tamén nas formas de se relacionar no seo do mercado enerxético. Os ríxidos límites que determinaban que era un consumidor, que unha produtora, que unha distribuidora ou que unha comercializadora xa non son tan claros. Nin tan inequívocos. Nin todos son elos imprescindibles na cadea para podermos prender a luz do noso fogar. Neste artigo de E.nova, centrarémonos en dúas posibilidades pouco exploradas en Galicia formuladas por e para a colectividade: as comunidades enerxéticas renovábeis e o autoconsumo colectivo en remoto.
1. Comunidades enerxéticas.
É un colectivo conformado por cidadáns, por empresas ou por institucións de proximidade que se xuntan baixo o abeiro dunha entidade xurídica co obxectivo de xerar, usar e distribuír a súa propia enerxía. Os obxectivos finais destas entidades (xa sexan cooperativas, asociacións, asociacións empresariais ou comunidades de bens) son, principalmente, acadar unha determinada independencia enerxética, a cogobernanza sobre os recursos enerxéticos, o aforro nas facturas individuais e unha maior resistencia fronte a fortes convulsións do mercado como as que estamos a vivir dende o pasado verán.
As comunidades enerxéticas, ademais, contan con outra serie de vantaxes que non debemos pasar por alto. En primeiro lugar, o reparto comunal dos gastos de instalación dos medios de produción de enerxía así como o seu mantemento, intercambio de electricidade entre consumidores e a posibilidade de actuar como consumidor-produtor no mercado enerxético. É dicir, a comunidade enerxética recibirá compensacións da rede enerxética nos momentos que sexan precisas e poderán vender os seus excedentes. Por último, as comunidades enerxéticas poden recibir importantes subvencións tanto para a súa constitución coma para a instalación de plantas de produción eléctricas.
Porque malia o novidoso que lle pode soar a algúns ouvidos esta alternativa, a realidade é que xa está acoutada dende 2018 pola Comisión Europea e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico traballa para dotalas dun marco xurídico estable. Aínda así, o Goberno central xa regulou a través do Real Decreto Lei 23/2020 dous modelos diferentes: Comunidades de Enerxías Renovábeis e as Comunidades Cidadás de Enerxía.
A primeira das categorías é a que está máis definida na actualidade e outórgalles o dereito inequívoco aos consumidores a emprender ou a participar en proxectos renovábeis a través dos cales poden producir, consumir, almacenar e vender enerxías renovábeis, así como compartir a súa produción no seo da súa comunidade. Deste xeito, un colectivo constituído libre e lexitimamente pode instalar, por exemplo, paneis fotovoltaicos nos tellados das súas vivendas e nas cubertas das súas naves industriais e intercambiar a enerxía, acadando unha independencia do sistema tradicional de grandes eléctricas que até hai uns anos resultaba completamente inalcanzable. Sobre todo, se temos en conta que no ámbito residencial, o 70% da poboación do estado español vive en propiedades horizontais e, polo tanto, carece dunha cuberta ou dun tellado en titularidade. Esas superficies son bens inmobles colectivos e só a colectividade pode dispoñer deles para a instalación de paneis.
2.Autoconsumo colectivo remoto
Neste punto, centrarémonos con menor detemento en colectivos enerxéticos que carecen dunha instalación propia para a produción directa. Esta é unha alternativa colectivizada para aquelas entidades de reducido tamaño que, ou ben non poden asumir os custes dunha instalación propia ou ben carecen do espazo necesario para a colocación, por exemplo, de placas fotovoltaicas ou de sistemas eólicos.
Neste caso, a comunidade (xa sexa de propietarios residenciais, xa sexa de empresas ou xa sexa un híbrido dunha determinada contorna común) actúa como un axente único que pode mercar os dereitos de produción dunha determinada instalación (unha serie de placas fotovoltaicas, por exemplo) situada, poñamos por caso, noutra provincia. A entidade colectiva que contrata en remoto recibirá a mesma cantidade de enerxía producida polos seus paneis procedente doutras fontes verdes análogas na súa proximidade. Calquera compensación que reciba da rede xeral en momentos de carencia, tamén será de enerxías verdes análogas. Ademais, os excedentes dos paneis contratados en remoto serán vendidos á rede xeral, de xeito que o axente colectivo basculará como consumidor-produtor.
Estes modelos serán vías cada vez máis recorrentes no futuro para ámbitos empresariais, residenciais e mesmo híbridos. En E.nova estamos a apostar polo modelo de comunidades enerxéticas renovábeis e podes informarte con nós de todas as dúbidas que teñas. Atoparás todas as respostas.