Como a enerxía chega ós nosos fogares ou comercios

Prender a luz ou conectarse á rede eléctrica é moi sinxelo pero por detrás hai un proceso complexo, desde que se produce ata que a enerxía chega ós nosos fogares ou empresas.

Como se amosa na figura de arriba, existen dous fluxos neste proceso: un de electricidade, e outro de cartos.

No primeiro dos fluxos, a enerxía orixínase na produción, ben sexa renovable, nuclear ou térmica. O seguinte chanzo é o do transporte mediante as redes existentes en cada lugar e que pertencen as distribuidoras, que son entidades asentadas en cada área xeográfica e as encargadas deste proceso.

Polo segundo dos fluxos, entra en acción o mercado maiorista mediante a poxa eléctrica que determina o prezo deste ben, a través do que se remunera ós produtores de electricidade.

Ámbolos dous fluxos pasan polas mans das empresas comercializadoras, que intercambian cartos e electricidade cos demais entes do sistema. Deste xeito, as comercializadoras están en conexión directa co cliente e dan soporte ás xestións relacionadas co consumo, intermediando por estes co mercado eléctrico e máis cas redes de transporte da electricidade. No sector eléctrico liberalizado podemos escoller a empresa comercializadora que mellor nos conveña.

Un cliente pode cambiar para E.nova Enerxía e beneficiarse do aforro e da atención personalizada sen notar ningunha alteración no seu subministro, nin realizar ningún cambio nos seus contadores ou na instalación eléctrica. Porque o único que fixo foi cambiar de intermediario, e aproveitar, neste caso, as vantaxes da enerxía intelixente.

Iso si, a empresa comercializadora pode actuar como axente mediador entre o cliente e a distribuidora para resolver calquera incidente ou facilitar unha xestión determinada para garantir un correcto subministro eléctrico.

Despois de que a electricidade chegara ós puntos de consumo repítese o procedemento á inversa. O consumidor paga polo servizo á empresa comercializadora que abona os custes xerados polos distintos entes do sistema eléctrico.