A cociña de Lumai, empresa galega referente no sector alimentario situada en Salvaterra de Miño, instalou nas súas cubertas unha planta fotovoltaica de 300 kW da man de E.nova Enerxía. Con este paso cara á innovación industrial, A Cociña de Lumai cubrirá parte das súas necesidades enerxéticas do seu día a día e poderá reducir nun 40% a súa factura de consumo de enerxía.
A Cociña de Lumai botou a andar nos anos oitenta do pasado século como un pequeno negocio familiar, encabezado por María del Carmen Fiaño e Luciano Cruces. O seu obxectivo é a elaboración dunha cociña tradicional para receitas de calidade coas que satisfacer un amplo público de clientes. Coa entrada da segunda xeración levou a cabo un proceso de modernización e industrialización para se adaptar ás necesidades do mercado. Nesta permanente evolución, inclúese a planta fotovoltaica que E.nova Enerxía vén de instalar na sede desta puxante industria.
A Cociña de Lumai aposta polo autoconsumo a través do réxime de PPA On-site, contrato de compravenda de enerxía producida localmente. Consiste nunha fórmula contractual na que o cliente cede a súa cuberta e o provedor de enerxía renovábel, neste caso E.nova Enerxía, encárgase do investimento e da instalación dunha planta solar fotovoltaica na mesma, a cambio dun custe fixo por kWh que o cliente abona periodicamente polo seu consumo de enerxía obtido da planta instalada. Á finalización do prazo previsto no acordo, que adoita oscilar entre os dez e os vinte anos, o consumidor pode facerse coa propiedade da planta.
Para empresas como Lumai é unha solución enerxética con numerosas vantaxes. En primeiro lugar, ve reducida a súa factura eléctrica, xa que esta modalidade ofrece prezos moito máis competitivos e mesmo con ese aforro pode chegar a financiar a posterior opción de compra. Ademais non se ve arrastrado polas oscilacións do mercado e garante o subministro dunha enerxía limpa.