Nestes tempos en que o prezo da enerxía está a provocar facturas avultadas tanto no caso dos fogares coma no ámbito empresarial, as distintas fórmulas de autoconsumo gañan en interese para seren unha solución fronte á crise enerxética que estamos a vivir. Neste contexto, unha pregunta xorde con frecuencia: cantos paneis fotovoltaicos vou precisar instalar? Malia que para obter a resposta exacta precisarías dun asesoramento profesional como o que ofrecemos en E.nova Enerxía, detallamos a continuación algunhas chaves para un cálculo aproximado.
Mira o teu consumo
O primeiro que cómpre ter claro é o consumo que temos no noso fogar ou na nosa empresa. Para iso, precisamos analizar polo miúdo os datos da nosa factura, tanto os referentes ao consumo medio diario coma o histórico. Polo xeral, as facturas indican estes datos, acompañados dun gráfico para facilitar a comprensión a simple vista, e indican a evolución do consumo de luz nos últimos meses. Tamén é habitual que detallen o consumo medio diario do período facturado e do consumo medio diario no último ano. Mellor, se podes solicita o teu perfil de consumo horario, que che dará maior información e máis precisa sobre cando é que consumes enerxía.
Mira o sol
No tocante ao sol, faranos falla ter en conta unha serie de parámetros. Un deles é a Hora Solar Pico (HSP), que de forma sinxela podemos definir como a cantidade de enerxía solar que recibe un metro cadrado de superficie. Se o complicamos un pouco e procuramos ser un chisco máis precisos, podemos dicir que se trata dunha unidade que mide a irradiación solar e que se define como a enerxía que recibirá unha superficie sometida a unha irradiación solar constante de 1000 w/m². Esta medida emprégase, como base estándar, para dimensionar os paneis fotovoltaicos e resulta esencial para calcular producións, necesidades e estimacións.
A HSP, naturalmente, depende da situación xeográfica que nos atopemos (é dicir, varía segundo a distancia do ecuador na que esteamos), a época do ano (non é o mesmo o sol do inverno que o do verán) e mesmo a calidade da atmosfera (canto máis limpa, maior irradición chegará a superficie). Para calculala dunha forma máis exacta, hai ferramentas moi útiles a disposición de calquera consumidor. É o caso da Photovoltaic Geographical Information System da Unión Europea.
Mira o teito
Para contar cunha instalación fotovoltaica para o autoconsumo cómpre ter, loxicamente, unha superficie onde colocala. Cubertas e tellados son os espazos predilectos para este fin. Porén, non toda a súa superficie será útil. Elementos como chemineas, claraboias ou sistemas de ventilación restan espazo e, ademais, poden chegar a xerar sombras que inutilicen a contorna máis inmediata. E velaí outro factor a ter en conta: as sombras externas que poden afectar a determinadas zonas. Por outra banda, a inclinación das placas, finalmente, tamén haberá que telas moi en conta, xa que nos pode restar superficie útil, algo no que influirá a orientación coa que se colocan os paneis.
Mira os paneis
Unha vez que temos controlado o noso consumo, a superficie da que dispoñemos e as características xerais da radiación solar na nosa contorna, debemos de escoller o tipo de panel segundo a súa produción para poder sacar o máximo proveito e optimizar a cobertura. Nese senso, hai que fixarse na potencia dos diferentes paneis fotovoltaicos que atopamos no mercado e as súas dimensións. Para iso, debemos saber a súa produción en Wattio pico, que é a enerxía que produce o panel despois de ser recibir unha irradiación de 1000 w/m². Neste punto, tamén temos que lembrar que a enerxía que producen as celas fotovoltaicas é continua. Precisaremos polo tanto un inversor que a transforme en alterna. Este proceso implica unha perda de enerxía que pode significar un 10% da produción.
Ao termos todas estas variábeis presentes, poderiamos realizar unha sinxela fórmula para facer unha aproximación do número de paneis que precisariamos: dividiriamos o noso consumo diario pola xeración media diaria dun panel. Daríamos así co número duns paneis que contan cunhas determinadas dimensións. Chegaría o momento de calcular a superficie que ocuparían e se dispoñemos dese espazo na nosa cuberta ou noso tellado.
Cómpre salientar que instalar unha planta sobre-dimensionada en relación ao consumo é unha mala decisión en termos económicos. Instalar potencia fotovoltaica que non vamos consumir localmente é un desbalde económico que non deberíamos permitir, mesmo cando nos vaian compensar polos excedentes de produción vertidos á rede. Un kWh autoconsumido localmente sempre rende moito máis. Por outro lado, tamén é importante ter presente que unha planta infra-dimensionada en relación ao consumo e superficie dispoñíbel é tamén desaconsellábel, xa que o custo unitario por kW instalado é superior canto menor sexa a planta.
En definitiva, é importante asesorarse ben antes de tomar unha decisión sobre o tamaño dunha planta fotovoltaica, para dar ca potencia óptima de instalación. En E.nova Enerxía estamos á túa disposición para te asesorar nese sentido.