Baterías Virtuais? Aposta polas reais, son o futuro da enerxía

Un dos grandes retos da transición ecolóxica radica en como casar a produción renovábel, de carácter variábel e até certo punto imprevisíbel, coas necesidades reais de consumo eléctrico dos consumidores que conforman o sistema eléctrico. Por un lado existen períodos de alta produción renovábel, nos que esta supera as necesidades dos consumidores, xerando excedentes; polo outro, as renovábeis poden ter certos períodos de inactividade, nos que a súa produción é insuficiente para cubrir as demandas enerxéticas dos consumidores. Así, torna fundamental a introdución de medidas para xestionar esta capacidade variábel das fontes verdes de enerxía, sendo unha das máis eficaces o almacenamento de enerxía en baterías.

Porén, non debemos confundirnos ante solucións de baterías máis aparentes que efectivas. Referímonos, claro está, ás baterías virtuais. Ese é o nome que determinadas comercializadoras lle dan a un mecanismo que, en aparencia, ofrece servizos moi vantaxosos. Este sistema consiste, principalmente, en que os excedentes de enerxía xerados nunha planta fotovoltaica durante as horas de maior eficiencia son acumulados na conta do propietario, que poderá elixir empregalos cando queira e mesmo onde queira.

É dicir: Un usuario que posúa unha segunda vivenda na costa, onde conta con abondosas horas do sol, pode xerar en xullo e agosto excedentes que logo serán utilizados no inverno na vivenda principal. Esa é a teoría, pero non se axusta á realidade.

Primeiro, porque o acumulado nunha batería virtual non é enerxía, son euros. Esa bolsa que preparas para o frío Nadal mídese polo prezo que gardaches no verán, cun prezo bastante inferior (por momentos case que cero), e no inverno o custe será completamente diferente, disparado polo incremento da demanda e polas tensións xeopolíticas que vive Europa ao redor do consumo eléctrico. Vaia, que pagarás a diferenza entre o prezo do verán aforrado e o prezo do inverno ditado polo mercado enerxético.

Baterías virtuais vs físicas

Despois, coa lexislación vixente non podes gastar o acumulado noutro lugar. O Real Decreto 244/2019, que rexe o autoconsumo eléctrico, sinala que os excedentes deben usarse no mesmo mes en curso e dende o mesmo punto de subministro. O marco legal non é moi favorable, de momento, para estas prácticas.

Polo tanto, hai que ter en conta que unha batería virtual ten grandes desvantaxes: non é física, acumula euros e non cartos, non achega emancipación eléctrica real, o consumidor mesmo acaba dependendo máis da rede eléctrica.

AS BATERÍAS FÍSICAS

Pola contra, as baterías físicas teñen unha serie de pros ao seu favor que, verdadeiramente, son bastante máis… palpábeis. O primeiro é que existe. Podes tocala e tela na túa propiedade. O que realmente vai acumular é enerxía, non euros. Esa enerxía en excedente, xerada a través da túa planta fotolvoltaica, ficará almacenada e poderás utilizala cando a precises nun período razoábel. A realidade é que non a vas poder teletransportar cara a outra residencia nin usala en seis meses, pero si que vas poder corrixir momentos de escasa ou nula produción da túa planta.

Hai varios modelos con capacidades diferentes, dependendo das necesidades domésticas, empresariais ou industrias que se lle presenten a cada consumidor. Ademais, os sistemas estanse a depurar para incrementar o período de conservación, reducir a perda de enerxía e asegurar maiores prazos para o seu emprego. Na actualidade, podemos clasificar as que hai como baterías monoblock (as máis solicitadas en autoconsumo de baixa potencia), as baterías estacionarias (máis apropiada para a industria) e as baterías de litio, que están a rexistrar maior demanda pola súa proxección de cara ao futuro.

As baterías físicas presentan moi claramente as súas vantaxes: son físicas, acumulan enerxía e non euros, garante maior emancipación enerxética e reducen a dependencia coa rede xeral.