Aerotermia, unha fonte de enerxía máis limpa e eficiente

As enerxías renovábeis continúan a gañar mercado dentro das fontes enerxéticas non só debido á sostibilidade senón tamén pola eficiencia que teñen demostrado.

É o caso da aerotermia. En usos industriais pode chegar a unha eficiencia do 300%, permitindo ás empresas maximizar o aproveitamento dos seus recursos e conseguir así un aforro en canto aos custos enerxéticos.

O PROCESO DE OBTENCIÓN DA ENERXÍA

A aerotermia emprega un sistema de bomba de calor que aproveita a temperatura do aire para a obtención de enerxía térmica. O proceso circular que se segue divídese nas seguintes fases:

  • A unidade exterior extrae a calor procedente do aire.
  • No evaporador, o líquido refrixerante que se atopa no sistema absorbe a devandita calor, evaporándose.
  • Agora convertido en gas, o refrixerador chega ao compresor onde aumenta a presión e a temperatura.
  • No condensador, transfírese esa calor ao interior. Esta poderá empregarse tanto para climatización como para a obtención de auga quente.
  • Por último, na válvula de expansión o refrixerante reduce a presión e temperatura volvendo a estado líquido e iniciándose novamente o proceso.

A pesar de que para este proceso de obtención se emprega electricidade, este consumo é moi reducido: por cada kW consumido, prodúcense entre 3 e 4kW térmicos. Isto permite gañar en eficiencia e, por conseguinte, en sostibilidade.

Por outra banda, a electricidade que precisa o sistema de aerotermia pódese conseguir mediante a combinación con outras fontes renovábeis. En E.nova Enerxía empregamos placas solares para tal fin, coas que se poden maximizar as vantaxes das fontes limpas.

APLICACIÓNS PARA OS DISTINTOS SECTORES ECONÓMICOS

Pola súa versatilidade, a aerotermia pódese empregar en calquera ámbito, dende usos domésticos ata aplicacións nos diferentes sectores produtivos.

No sector agrícola, este tipo de sistema resulta moi adecuado ao seren actividades que requiren dunha grande cantidade de enerxía térmica. Deste xeito, emprégase para a climatización de invernadoiros, calefacción de chan, consecución de auga quente sanitaria ou secado de produtos… Por outra banda, a regulación e control de temperatura en granxas con animais facilita un mellor confort para os mesmos, favorecendo o seu crecemento así como a redución de estrés.

Tamén é moi útil para o quecemento de auga destinada a procesos industriais. Ademais, xa se están a dar casos no que a aerotermia conta con sistemas de recuperación residual de certos procesos industriais. Actuacións que serven para reducir de forma aínda máis significativa os custos enerxéticos.

VANTAXES DA AEROTERMIA

Ademais de producir unha enerxía limpa e máis eficiente, a aerotermia ofrece outros beneficios.

Se ben o investimento inicial é maior que o requirido por outro tipo de fontes, a instalación é sinxela e precisa pouco mantemento. Isto, xunto con posuír unha vida longa, redunda novamente nunha áxil recuperación do investimento.

A ausencia de procesos de combustión converte a aerotermia nun sistema seguro e cun alto grao de fiabilidade. Así mesmo, trátase dun sistema que ofrece unha grande versatilidade que permite a súa instalación en calquera entorno e a súa combinación con outros sistemas de produción de enerxía.

¿Queres saber máis sobre a aerotermia? E.nova Enerxía ofrece solucións de aerotermia para explotacións gandeiras e industrias. Ponte en contacto con nós e resolveremos todas as túas dúbidas.