A realidade do mercado da biomasa

O mercado da biomasa afronta o futuro con boas perspectivas.Na actualidade supón o 0,35% do PIB en España e está nunha liña de crecemento, se ben no sector hai queixas contra un marco lexislativo que non permite unha expansión na medida requirida.

Os prezos da biomasa doméstica manteñen unhas cotizacións estables nos últimos anos cunha lixeira baixada do “Pellet”, a suba da “acha de madeira” ou a estabilidade cun lixeiro reponte nos últimos meses da variante “óso de oliva”. Son polo tanto valores competitivos no actual mercado.

Pero hai barreiras. O director da feira monográfica Expobiomasa, Jorge Herrero, lamenta que non haxa un crecemento acorde con outros países, xa que por exemplo en Europa xa aporta o 16% da calefacción e a nivel mundial dous terzos da enerxía renovable.

A industria da biomasa coincide en sinalar que o desenvolvemento deste mercado sería un antídoto contra o despoboamento e o abandono do medio rural. Pero tamén apunta cara a necesidade da creación de maior volume de negocio en diversas áreas. Por exemplo, a biomasa forestal para xeración de enerxía térmica a través de instalacións de calor incrementou a súa demanda pero necesita un maior movemento para ser rendible. Neste punto, solicitan o apoio dunha nova política forestal e de incentivos fiscais.

O enxeñeiro industrial, Jorge Morales de Labra, pensa que a biomasa como enerxía renovable “xestionable” é unha alternativa a outras renovables que dependen do vento, da auga e do sol, que nalgún momento pode non estar presente.

Sen dúbida, a grande eiva para a eclosión do mercado de biomasa e a súa equiparación a outros países europeos, é o modelo económico existente que está baseado na importación de petróleo e gas de terceiros países, en contraste con alternativas que pasen por un aproveitamento sustentable dos recursos propios.

Deste xeito, poñer os piares para o desenvolvemento de alternativas que poñan en valor os recursos forestais propios, albíscase coma o grande reto do presente e do futuro no mercado da biomasa.