A guerra de Ucraína, a dependencia enerxética con Moscova e as ameazas constantes -e algunhas xa cumpridas- do corte do subministro de gas ruso aceleraron os plans europeos de potenciación de enerxías renovábeis xa non só polo urxente proceso de descarbonización, senón tamén para acadar a emancipación comunitaria a nivel enerxético. Dentro dos múltiples pasos que o Goberno central quere emprender para facer fronte ás consecuencias sociais do conflito, fixámonos nunha que vén de saír de forma reiterada na prensa nas últimas semanas: a instalación de paneis solares en estruturas hídricas.
O Ministerio de Transición Ecolóxica quere impulsar, dito dun xeito directo, a colocación de paneis solares sobre as augas igual que xa se fai sobre a terra. Ábrese así unha nova posibilidade de produción eléctrica: a fotovoltaica flotante. Mais iso non quere dicir que as placas solares medren en calquera recurso hídrico, senón que se porá a disposición o conxunto dun cento de espazos hídricos de titularidade estatal de gran tamaño (principalmente os pantanos) e un gran número aínda por determinar de pequenas instalacións pertencentes a outras administracións autonómicas, provincias, mancomunadas ou locais. A continuación, repasamos os principais condicionantes para esta nova posibilidade enerxética:
A conexión á rede
Para a colocación de plantas fotovoltaicas flotantes en instalacións hidráulicas, cómpre ter presente un primeiro requirimento: a infraestrutura debe estar conectada ás redes de transporte ou de distribución de enerxía eléctrica, xa que se pretende sumar a produción solar á xerada polas centrais hidroeléctricas. É dicir, procúrase a optimización do rendemento das conexións xa existentes nos encoros.
A calidade da auga
Non todos os pantanos poderán acoller plantas. Dependerá da calidade da auga e, polo tanto, do ecosistema que acolla. Deste xeito, o decreto do goberno delimita as seguintes coberturas: un 5% para aqueles pantanos que teñan produtividade biolóxica moderada, un 15% se ten unha produtividade biolóxica alta e un 20% se é moi elevada. Naqueles nos que a calidade sexa baixa e, polo tanto, precise de maior cantidade de luz para a actividade biolóxica, non se poderá instalar ningún, igual que en lagos, lagoas e acuíferos naturais que estarán vedados.
Concesións temporais e seguimento
As instalacións de fotovoltaica flotante en sistemas hídricos de titularidade pública outorgaranse por concesións dun máximo de 25 anos. A administración poderá e deberá esixirlle á empresa concesionaria informes de evolución, de impacto ecolóxico, de calidade de auga ou de calquera outra cuestión que teña que ver co respecto á biodiversidade, á calidade das augas ou de produción eléctrica.
Un máximo de 3 plantas, un 80% libres
O plan do Ministerio pretende que, independentemente da superficie hídrica, só se poderá instalar un máximo de tres plantas independentes. Ademais, só se ocupará con paneis fotovoltaicos unha quinta parte de superficie, polo que o 80% da mesma nunca se ocuparía por instalacións solares.