A excepción ibérica: Que é e por que non acaba de arrincar?

Co obxectivo de mitigar as subas do prezo da luz e de reducir o seu impacto nunha inflación que anda a roldar o 10%, España e Portugal fixeron fronte común na Unión Europea para introduciren unha limitación á influencia do gas no custo da enerxía. Esa limitación recibe o nome de excepción ibérica e consiste no seguinte: Independentemente do prezo que marque o gas nos mercados internacionais, o prezo xeral do gas para as centrais de ciclo combinado situarase entre 40 e 60 euros durante 12 meses. Isto fará que o custo de produción de electricidade nestas centrais de ciclo combinado baixe artificialmente a un abano de entre 100 e 130 euros por MWh, e que polo tanto baixe o prezo da electricidade en xeral até eses niveis.

A motivación desta excepción, que non deixa de ser unha intervención no mercado enerxético inédita no seo da Unión Europea, baséase na situación xeográfica da Península Ibérica. Ambos os dous estados non contan con demasiadas conexións eléctricas co resto de países da Unión. Isto implica unha importante desvantaxe: non teñen fácil recorrer a estados veciños para acadar compensacións con outras fontes enerxéticas. Isto é algo que si fan de forma regular os países centroeuropeos para resistir as subas do gas.

Malia as altas expectativas previas, a excepción ibérica posta en marcha a semana pasada non parece que acabe de arrincar. Apúntase a varios factores:

-A voltas co gas ruso. A gasística Gazprom anunciou unha redución do 40% do gas que subministra a Europa a través do gasoduto Nord Stream. A razón, segundo as fontes oficiais, atópase na demora nas reparacións que debía emprender Siemens, empresa que se uniu ás sancións contra Rusia derivadas da invasión da Ucraína.

-Vaga de calor. Chegou a excepción ibérica ao tempo que unha onda de altas temperaturas que fixo ferver a práctica totalidade da Península. Agás en Galicia, os termómetros en España e Portugal superaron os corenta graos. O consumo de aire acondicionado disparouse nun contexto no que, ademais, o vento amuou. A xeración da eólica, polo tanto, reduciuse notabelmente.

-Os xogos nos encoros. Se noutros polémicos momentos as eléctricas decidiron baleirar os pantanos para maximizar os beneficios, poderíase xulgar que nas primeiras xornadas de aplicación do tope do gas forzaron aparentemente unha produción da hidráulica co obxectivo de limitar o impacto da mesma.

-O mercado único. A excepción ibérica é unha medida insólita que altera as regras do xogo de non intervención no mercado único. A Comisión Europea receou en todo momento desta iniciativa, que quixo minguar o máis posíbel para contentar os países de corte máis liberal e para salvagardar un dos grandes principios da unión económica: o non-regulamento dos mercados. Entre a demora e a mingua, as predicións sobre as medidas non se cumpriron. E pode que, quizais, esas mesmas previsións anunciadas polo Goberno español fosen, se non erradas, si demasiado optimistas. Continuará…