A enerxía reactiva, a gran descoñecida do sistema eléctrico

O máis común é falar do consumo de enerxía activa, pero tamén cómpre coñecer a chamada enerxía reactiva. É unha demanda extra que necesitan para poder funcionar determinados equipos de carácter indutivo como motores,  fontes de alimentación de grande capacidade, transformadores,  ou luminarias.

A enerxía reactiva é un tipo de enerxía eléctrica que absorben da rede algúns equipos eléctricos pero que logo tornan á rede. Deste xeito, é unha enerxía improdutiva, que pola contra ten que ser transportada a través das redes, incidindo en custes sobre o sistema.

Un exemplo. Un motor de grande capacidade consume unha parte de enerxía reactiva que é improdutiva, ó tempo que tamén consume enerxía activa, empregada para orixinar o movemento.

A meirande parte dos consumidores industriais e grandes instalacións necesitan deste tipo de enerxía, podendo supoñer unha serie de efectos negativos.

Que efectos negativos ten?

Custes económicos reflectidos nas facturas eléctricas.

Perda de potencia das instalacións produtivas

Caídas de tensión que prexudiquen os procesos produtivos

Transformadores máis recargados.

Como se factura?

A enerxía reactiva consumida factúrase en concepto de penalización a clientes con tarifas 3.0A, 3.1A e 6.1, segundo o seguinte esquema.

Cosφ é un factor que expresa a relación entre a enerxía reactiva e activa consumidas; canto menor é Cosφ, maior é a enerxía reactiva en relación á enerxía activa e polo tanto maior será a penalización. Para Cosφ maiores de 0.95 non existe penalización.

Procura de alternativas: como evitar as penalizacións por reactiva?

Este exceso penaliza as nosas facturas, polo que é importante que se compense e se controle a demanda, para non prexudicar a capacidade das liñas e dos transformadores instalados, mellorar a tensión da rede e conseguir unha redución no custe global da enerxía.

Unha alternativa inmediata e económica é a instalación de baterías de condensadores, que poden compensar o 100% do consumo de reactiva, con investimentos reducidos. Tamén o paso á tecnoloxía LED das luminarias actúa como elemento corrector, xa que esta ten un menor consumo de enerxía reactiva. Un estudo da instalación eléctrica pode axudar para analizar os pasos a dar.